Eiras é unha aldea ourensá do concello do San Amaro, distante menos de dous quilómetros da citania de San Cibrao das Las, Lambrica, un dos castros máis espectaculares e mellor conservados do noroeste peninsular. En Eiras apareceu unha ara romana adicada a Bandua, que foi vítima de interpretacións diverxentes na lectura do seu epígrafe.
A ara, labrada en granito e de propiedade privada, constitúe unha peza de grande importancia para o estudo da sociedade e da relixión no mundo romanizado da península ibérica.
Na súa parte superior conserva o oco ou foculus, no que se queimaban as ofrendas. Presenta un epígrafe nunha soa cara. A inscrición está en latín, con letra capitalis rustica, dividida en cinco liñas que diminúen, moi lixeiramente, en altura de arriba a abaixo. Na base de datos Hispania Epigraphica está catalogada como altar votivo co número 16708.
Hai autores que, sen fundamento algún, afirman que a ara procede do castro de San Cibrao das Las, pero o certo é que a ara está no pazo de Eiras desde tempo inmemorial. Nese soar atopáronse evidencias dunha villa romana (casa de campo), polo que é de sentido común pensar que a ara formase parte desa vila, o que non contradí a súa posible dependencia administrativa ou militar de Lámbrica, se é que aínda non estaba abandoada. Outra villa estivo a uns cinco quilómetros de Eiras, á beira do río Miño, en Lagharellos, onde aínda se conserva unha fonte romana.
Despois da primeira publicación da ara de Eiras, en 1968 por LORENZO FERNÁNDEZ, proseguiron no tempo diversos intentos de interpretación do epígrafe. Algunhas desas lecturas son curiosas pola súa inventiva, pero en todas se considera que figura o nome do castro das Las, tamén castro de Ourantes: *lansbriga, *lanobriga, *alaniobriga… Incluso se chegou a ler *palambrigensi (VIDÁN TORREIRA).
Se observamos o epígrafe con atención chegaremos á conclusión de que en ningunha das lecturas do posible topónimo foi visto o M, a penúltima letra da segunda liña, exceptuando a de VIDÁN TORREIRA, aínda que lera *palambrigensi e non lambricae.
Unha lectura que pode proporse é a seguinte:
BANDV / AE LAMB / RICAE AE /MILIVS RE /BVRR(I)N V S
A Bandu /a de Lamb / rica E / milio Re / burrino (cumpriu o seu voto)
Ao inicio da segunda liña hay un caracter que se chegou a ler como “A”, pero que en realidade é un nexo, unha unión de dúas letras, “EA” .
Se nos fixamos na parte superior dese nexo non vemos un ángulo agudo como o que coroa ás outras letras “A” da inscrición. Se nos fixamos un pouco máis, podemos advertir pequenas incisións que formarían o “E” no pau vertical, á esquerda.
BANDVE aparece no 25 % das inscricións con radical BAND- na península ibérica. Se pon BANDV/ E concordaría perfectamente o nome do deus (posiblemente de xénero masculino) co seu epíteto.
Pero o nexo componse de outra letra A, o que nos obrigaría a corrixir a lectura anterior:
BANDV / E A? LAMB / RICAE AE /MILIVS RE /BVRR(I)N V S
A Bandu /a de Alamb / rica E / milio Re / burrino (cumpriu o seu voto)
Esta segunda lectura implicaría o troco do topónimo: Alambricae.
Non hai datos arqueolóxicos que confirmen o lugar de aparición da ara de Eiras. A súa ubicación estivo sempre ligada a esta pequena aldea, na contorna da reitoral, da igrexa e dos pazos de Eiras. Xa se dixo que neste lugar apareceron restos dunha villa romana, unha casa de labor de certa importancia, polo que é posible que o adicante da ara, Emilio Reburrino, fose algún posuidor desta vila. A súa proximidade ao castro de San Cibrao das Las e Ourantes fainos supor que a vila de Eiras era dependente administrativamente dos moradores na citania. En Eiras, ademais de restos dun mosaico (que volveron tapar, segundo RODRÍGUEZ COLMENERO) e de tegulae (tellas) romanas, aínda que hai que ter en conta que as tegulae poden pertenecer a antigas inhumacións, xa que aparecen no ámbito dun cementerio, aínda en uso na actualidade.
Nos muros da igrexa hai uns curiosos perpiaños con decoración reticulada. Non coñecemos a súa función primitiva, pero existen paralelismos moi cercanos no Formigueiro (Amoeiro), na igrexa de San Fiz do Varón e na reitoral de Sagra (O Carballiño). Esta última, curiosamente, outra vila romana.
Tamén hai que facer mención á existencia, a escasos metros ao norte da igrexa de Eiras, dun pequeno monte co microtopónimo O Castro. Existen rumores da aparición, neste monte, dunha pequena escultura antropomorfa en granito.
Un pouco máis alonxado da aldea están os montes das Múas. Nese lugar, chamado tamén A Ermida, sabemos da existencia dunha antiga capela, hoxe desaparecida, dedicada aos santos Cosme e Damián.
A Pátera Araugelensis, no Museo Arqueolóxico de Badajoz, pode ilustrarnos sobre a forma de facer ofrendas ou libacións, en diversas aras e nun entorno de natureza ou campestre. En tres desas aras vemos que xa arden as ofrendas en cada foculus. A oferente ten atributos da deusa Fortuna, portando o corno da abundancia na man esquerda e a coroa dunha cidade na cabeza. Na man dereita mantén unha pátera ou prato. Interesante o ambiente “rural“, con rochas e arbustos, o que nos pode trasladar a esceas parecidas que puideron producirse nas posesións de Emilio Reburrino, entre a fonte romana de Lagharellos e a villa que precedeu ás actuais casa reitoral e igrexa en Eiras. Ou sexa, nos montes das Múas e da Ermida.
Aquí podería estar a orixe da enigmática ara, pois son abundantes os casos nos que os altares romanos se conservaron, reutilizados, dentro de edificios de culto cristián. Coa desaparición da capela, dentro de terras dos señores do pazo de Eiras, non é difícil pensar que poidesen levala para o seu xardín, coa nova función de soster unha mesa de pedra. Máis abaixo voltaremos sobre isto.
Ao contrario que *Lansbrica, Lambrica é un topónimo coñecido na Antigüidade, citado por Pomponio Mela. Houbo numerosos intentos de ubicala, con bastante pouco fundamento, en diversos lugares de Galicia e Portugal, pero non hai datos suficientes para asegurar que a cidade citada por este xeógrafo clásico sexa ningunha das propostas. O que parece indubitable é que este topónimo existía en Galicia, sendo susceptible de poderse repetir en lugares distantes.
Por iso podemos estar case seguros de que tamén debeu servir para denominar a unha cidade fortificada das máis poderosas no Noroeste, a citania da Chaira, entre as actuais parroquias de San Cibrao das Las e de San Xoán de Ourantes, se consideramos que BANDVE (?) LAMBRICAE (Bandua de Lambrica?), na inscrición da ara de Eiras, se refire a un deus que recibía culto do poboamento castrexo situado entre San Cibrao das Las e Ourantes e da súa área de influenza.
Bandua é unha divinidade da Idade do Ferro (quizais xa da Idade do Bronce) que tivo culto nunha gran parte da Lusitania e no sur da Gallaecia. Non deixa de chamar a atención que a área de aparición de inscricións con raíz BAND- coincida co territorio onde se atopan minerais de estaño. Por algunha razón, o culto a Bandua volveuse espallar a finais da época romana, sendo deste período do que conservamos os epígrafes en latín, maioritariamente en aras. A distribución territorial destas inscricións pode darnos unha visión aproximada da extensión do seu culto.
Lambrica, ou Lambriga, de Lam ([tʃan], posiblemente chao ou chaira), e -briga (cidade ou fortaleza en altura) significaría A Cidade Forte da Chaira ou A Cidade Forte dos Chaos.
Lambrica sería o nome antigo da citania de San Cibrao das Las e Ourantes, e Emilio Reburrino un posible praefectus pagi ou xefe local que rexentaría, na cercana vila de Eiras, un dos máis que probables establecementos agropecuarios imprescindibles para alimentar á poboación daquela grande citania, na que traballaban a diario, sen acceso directo aos labradíos das veigas de Andrade, Loucía, Eiras e Cristimil, metalúrxicos, orfebres, oleiros, tecedeiros, canteiros e guerreiros.
Sobre a procedencia da ara
Estará na Ermida a orixe da ara de Bandua?
Ao sur da parroquia de Santa Uxía de Eiras existe unha paraxe denominada As Múas, coñecida tamén co nome de O Couto ou A Ermida. Alí existe una rocha con petroglifos, cunha curiosa disposición de motivos circulares e coviñas.
As Múas é un terreo con veas estanníferas (casiterita, mineral de estaño, estratéxico na Idade do Bronce). Tamén se detectou polos arredores a presenza de ouro.
Na Ermida, ademais da propia representación de petroglifos, existe unha mámoa (dolmen) e un cruceiro. O topónimo parece obedecer á presenza dunha antiga ermida ou capela, confirmada por un documento conservado no Arquivo do Reino de Galicia, un preito do Comendador de Pazos de Arenteiro e don Xacinto Vázquez de Toubes con dona Sabela Vázquez de Toubes sobre reivindicación do lugar e granxa das MÚAS, anexa á ERMIDA de SAN COSME E SAN DAMIÁN na feligresía de Santa Uxía de Eiras, xurisdición de Roucos, cara a 1695.
A sacralidade do lugar estaría, logo, asegurada pola presenza desa antiga ermida, xa desaparecida, pero que deixou o seu recordo no microtopónimo. A capela sería a cristianización de máis que posibles antigos cultos, testificados pola mámoa existente no lugar e pola rocha con petroglifos. O cruceiro, que aínda se pode ver, sinala a cristianización desta contorna, á vez que recorda á capela desaparecida.
As Múas (tamén coñecidas como O Couto ou A Ermida) eran paraxes dos señores do denominado Coto de Pazo, xurisdición na parroquia de Santa Uxía de Eiras (na parroquia de Eiras coexistían dúas xurisdicións no Antigo Réxime: a de Roucos, exercida polo Conde de Ribadavia, e a de Coto de Pazo, que ostentaban as familias dos pazos de Eiras).
Son constantes as alusións en libros de visitas parroquiais á destrución de capelas no século XVIII debido ao su estado de abandono ou deterioro. Tamén son abondosas as ocasións nas que se conservaron, e mesmo se reutilizaron, aras no interior de templos cristiáns. Se a ara de Bandua estivese nesa ermida desaparecida, sería natural que algún dos señores do pazo de Eiras a levase pra o seu xardín.
A bancada de pedra arredor da ara no xardín do pazo, que aínda pode verse nas fotografías da ara de 2007, semella ser labrada nesa época do XVIII, á medida da mesa que estaba sostida pola propia ara.
Sería así, tendo conta dunha mesa de pedra e rodeada por una bancada, como se conservou e como chegou ata o século XXI a misteriosa ara de Bandua de Eiras.
Bibliografía
GONZÁLEZ IGLESIAS, F.: “A ara de Eiras e o topónimo Lámbrica” en Ágora do Orcellón 35. Páx. 17-33. Instituto de Estudos Carballiñeses. Vigo. Xuño de 2019. ISSN 1577-3205.
🌿
© Felisindo Glez. Iglesias. Arredor de Lámbrica. 2020-2021 (actualizado en xullo de 2024).