Arredor de Lambrica

Lambrica é unha citania da Idade do Ferro, que continuou sendo habitada en época romana, da que se estima que chegou a albergar máis de dous mil habitantes, pero non pode estar soa. Arredor dela existen vestixios que falan da riqueza mineira desa contorna, dos medios de vida daquelas xentes e incluso das inquedanzas artísticas naquelas épocas, que parten de tradicións da Idade do Bronce e que se dilúen trala dominación romana. Os modos de vida, as necesidades -defensivas, económicas, relixiosas- e o esforzo de toda a contorna contribuíron a que alí, no outeiro da Chaira, se chegase a construír a citania, nalgún momento da Idade do Ferro.

Unha cidade tan grande tivo, por forza, que posuír un territorio acorde, cun raio que debeu chegar a varios quilómetros, do que obterían os seus habitantes os recursos, xa fosen mineiros, gandeiros ou agrícolas, que consumían, transformaban ou transmitían. Poden ser exemplos a carne, os cereais, o liño, o ferro e o ouro. Só así pode ser explicada a magnitude desta gran citania, da “Cidade” que servirá, despois da cristianización, simplemente para o aproveitamento comunal de pastos, estrume, madeira, pedra e lendas de dúas humildes parroquias galegas, San Cibrao das Las e San Xoán de Ourantes.     

citania de Lambrica non é visible dende o val do río Miño, pois queda oculta polo monte do Santrocado, de altitude algo maior. Podería tratarse dunha estratexia defensiva, xa que as vías fluviais navegables, como era o Miño, suporían certa vulnerabilidade a posibles agresións externas. Ademais, a súa boa visibilidade cara as terras do Carballiño e de Maside podería servir para o control territorial de xacementos mineiros máis alonxados (Puzo do Lago, Castro Grande de Amarante, montes da Madanela, castros de Mosteiro e Souteliño…). 

O monte do Santrocado, que ten no cumio unha capela e un pequeno castro, é a máxima altitude da contorna (550 m. sobre o nivel do mar). Trátase dun punto xeográfico importante que centraliza e aglutina arredor de si unha serie de xacementos, sendo os máis importantes a citania de Lámbrica e o Castelo de Laias. As características orográficas do Santrocado déronlle, como fito territorial, a función de punto de control dun amplo territorio, pois é visible dende varios quilómetros naquelas comarcas. Á diferenza da Cidade de Lambrica, a visibilidade do Santrocado é posible en 360º.

Ademais, a contorna do Santrocado está dentro dunha zona aurífera e estannífera, con presenza doutros minerais coma o wolframio. A derradeira mina, nas inmediacións de Xinzo, foi pechada nos anos cincuenta do século pasado. 

Castelo de Laias atopábase nas abas meridionais do Santrocado, cerca da ribeira do Miño. Foi literalmente arrasado polas obras da autovía A-52. Era aínda de maior superficie que Lambrica e contiña zonas con silos, almacéns de madeiras entrelazadas (cabaceiros?), vestixios de traballos mineiros e lugares de poboamento. As primeiras datacións chegan ata o século VIII (oitavo) antes de Xesucristo. 

A importancia do xacemento do Castelo xa foi vista por CHAMOSO LAMAS en 1956. Tras unha serie de sondaxes, nas que atopou martelos, que asociou á trituración de mineral, e pías de decantación escavadas nas rochas, chegou á conclusión de que na zona máis alta do xacemento existía unha mina romana de ouro.

Eran destacables as dimensións do poboado do Castelo, próximas, incluso superiores, ás 10 hectáreas (pra facernos unha idea, algo máis que a citania de San Cibrao das Las). Nas escavacións de 1997 -coordinadas polos Servizos de Arqueoloxía da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia- detectáronse varias fases de ocupación “comenzando por los restos de un poblado más antiguo de final de la Edad del Bronce, la ocupación del poblado durante la I y II Edad del Hierro y, finalmente, un poblamiento residual de época romana”, segundo YOLANDA ÁLVAREZ e LUIS LÓPEZ, engadindo que “las fechas absolutas datan la ocupación más antigua en torno al siglo IX-VIII a. C., continuando hasta el siglo I a. C. (…)”.

Entre as curiosidades deste xacemento mineiro destaca a existencia dun recinto amurallado, con silos rectangulares con medidas de 1 por 1,5 m. Estes silos tiñan o chan ben protexido a base de arxila con entramado vexetal e táboas de madeira, o mesmo material do que se constrúen as paredes. Dentro dos silos apareceron carbonizados restos de grans de cereais e fabas. Tamén, neste mesmo recinto, existían construcións circulares con zócalos de mampostería, separadas unhas de outras, supostamente coa mesma función de almacenamento que a dos silos.

Seguindo aos autores citados, coñecemos algúns dos materias documentados no Castelo: abundante material cerámico de cociña ou de mesa, producido no propio poboado, pesas (posiblemente relacionadas coa artesanía téxtil), muíños de granito, útiles líticos (raspadores discoidales e percutores para o traballo das peles), así como restos de elementos de enmangue e de cestería. Conclúen os autores pensando en un “centro productor, ya que aparecen indicios que hacen pensar en el desarrollo de numerosos trabajos asociados a la ocupación”.

Unha calzada unía a porta oriental de Lámbrica -Lambrica- cun embarcadoiro no lugar da Barca, que baixaba polo Santrocado e pasaba moi preto do xacemento mineiro do Castelo. Así, Lámbrica estaba discretamente separada do río, pero sen quedar incomunicada. Pola principal vía fluvial do país, o río Miño, que era navegable ata Camposancos, circularían mercadorías do país, posiblemente minerais e peles, que trocarían por produtos foráneos necesarios prá vida cotiá, particularmente o sal, imprescindible prá conservación da carne, abundante na costa pero inexistente nas terras do interior.

Ademais do Castelo de Laias e do Santrocado, arredor de Lámbrica aínda se poden ver restos doutros pequenos castros, coma os de Ourantes, Salamonde, Casar do Mato e o Castro Martiño en Xinzo, o que nos está a falar de certa dispersión da poboación na Idade do Ferro (séculos VII a II antes de Xesucristo, aproximadamente).

Son tamén destacables os restos romanos, a maioría descoñecidos, como a fonte de Lagharellos, unha fonte monumental abovedada que estivo a piques de ser derrubada polas obras dunha autovía. Ao dano, que foi grande, hai que engadir o abandono ao que está sometida, non habendo moito espazo para o optimismo de cara a súa conservación. 

A mediados da década dos cincuenta, CHAMOSO LAMAS, despois de falar da citania de San Cibrao das Las (Lámbrica), dinos que en: 

(…) dirección Oeste se alcanza el pueblo y parroquia de Eiras, en el atrio de cuya iglesia descubrimos en 1946 grandes “tégulas” romanas recogidas allí mismo por el sacristán, que desconocía su importancia; y en el huerto y viña de la casa rectoral, contigua a la iglesia, hallamos los trozos cerámicos de vasijas de tipo indígena, ya romanizado, que más bella y original decoración presentan de cuantos conocemos en Galicia.

Poco más adelante, entre los restos profanados de una “mámoa”, recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense”.

(“Excavaciones Arqueológicas en la citania de San Cibrán das Las…” en N. A. H.  III-IV, 1954-1955, páx. 114).

Por outra parte, sabemos por RODRÍGUEZ COLMENERO que

“Fuentes fidedignas han hecho llegar hasta nosotros la noticia de que el señor cura párroco de Eiras había encontrado ocasionalmente un mosaico en su viña, que se apresuró a recubrir de nuevo, así como abundante cerámica romana (…)”.

(Galicia Meridional Romana. Páx. 155. Universidade de Deusto, 1977). 

No pazo de Eiras aínda se garda outra xoia, a ara ou altar romano de Bandua. Presenta un dos primeiros textos en latín daquela contorna, pero é de propiedade privada e non visitable. As autoridades culturais parecen non querer ter interese por ela.

No seu epígrafe parece conterse o nome da antiga citania, Lámbrica, a pesar de que as opinións máis populares, mal documentadas, decántanse polo falso -case impronunciable pseudotopónimo *lansbrica

Que a inscrición conteña o nome da Cidade de Lámbrica non significa que a ara aparecese na citania, como afirman certos autores.

A orixe da ara, posiblemente dos séculos II ou III despois de Cristo, está na parroquia de Eiras, moi probablemente nos montes da Ermida, onde os antigos señores do pazo de Eiras tiveron terras, un casal e unha capela.

Alí tamén sobreviven os restos esquecidos dunha mámoa (seguramente a mámoa da que falaba CHAMOSO LAMAS) e un interesante panel de petroglifos, inédito ata 2008, igualmente esquecido por todos e oculto pola vexetación.

Aviso legal · Política de privacidade · Política de cookies · Condicións do servizo · Normas para o usuario