A fortificación castrexa, ou citania, de Lámbrica forma un grande óvalo, máis ou menos regular, co eixo maior orientado de norte a sur. Este eixo maior mide 452 metros de lonxitude (as medidas son sempre aproximadas). O eixo menor mide 253 metros.
A superficie total do castro é de 9,77 hectáreas, aproximadamente, das que están escavadas máis ou menos un 20%. A titularidade dos terreos é comunal, sendo montes aproveitados tradicionalmente polos veciños daquelas parroquias, aínda que hai que destacar que arredor dun 20% da superficie intramuros, cerca de dúas hectáreas, están aínda repartidas en innumerables parcelas de titularidade privada.
No centro do xacemento érguese un recinto amurallado que ten unha superficie de 0,86 hectáreas, que denominamos como recinto central, tamén con forma ovoide e co eixo maior en sentido Norte-Sur.
Pra entrar no recinto central hai dúas portas, unha occidental e outra oriental. Antes de entrar nesta última, vindo do exterior, á dereita e fóra da muralla, hai unha curiosa base de (posible) monumento con escalinata.
As vivendas da poboación non estaban neste recinto central, polo que se lle supón un uso pra actividades de elite ou pra reunións comunitarias, de tipo militar, económico (almacén de víveres ou mercadorías, feiras…) ou relixioso. Estas funcións poden ser compatibles e simultáneas.
PASCUAL MADOZ fala no seu Diccionario Geográfico Estadístico Histórico, entre 1845 e 1850, da feira do San Amaro (parroquia de San Martiño de Beariz) como “sin duda, la más concurrida de la provincia de Ourense”. No campo da feira de San Amaro convivían a función relixiosa (coa capela de San Mauro, xa destruída), a función de almacenaxe (cabaceiros e outras construcións) e a función de intercambio ou comercial.
A grande superficie do recinto central da citania de Lámbrica, a ausencia de vivendas, a presenza de inscricións (as inscricións fanse pra que as vexa a xente), a cercanía a unha vía fluvial navegable (o río Miño) e a existencia de vías terrestres que chegan á citania, fan pensar nas primeiras reunións urbanas de xuntanza e intercambio organizadas que se produciron nestas terras, alá pola segunda metade do I milenio antes de Xesucristo, pervivindo na época romana. Así pode ser explicada a grande magnitude da superficie central da citania, en relación coa superficie na que se asentaba o poboamento.
Chama a atención que a máxima altitude do castro está na porta occidental do recinto central, o que conleva que todo este recinto central quede lixeiramente inclinado cara o Nacente.
Existen paralelismos noutros castros (Chao de Samartín en Asturias, Monte Mozinho en Portugal) nos que o recinto central tiña unha función sacra, cerimonial, comunal ou de elite.
En canto ao almacenamento, coñecemos que no cercano castro do Castelo de Laias (ou das Laias), detectouse no seu recinto superior unha secuencia de silos superposta que empeza na I Idade do Ferro.
No recinto central da citania de Lámbrica apareceron algunhas inscricións singulares. Entre elas, temos unha clara alusión á divindade na pedra onde os romanos inscribiron unha adicatoria a un dos principais deuses do seu panteón, a Xúpiter: IOVI.

Permanece in situ, soportando bastantes agresións por parte dos desalmados que raspan nas súas letras.
Outros epígrafes en granito de Lámbrica foron levados do xacemento polos seus escavadores. Coñecemos dúas pezas -aínda que non sabemos onde se atopan- coas seguintes inscricións respectivas:
SADV / VLAD / V
MI / VLE
Unha terceira inscrición foi “interpretada” pola arqueoloxía oficial do seguinte xeito:
“NA / BIA // ABI / ONE” (?)
Trátase dun cipo escrito por dúas caras, na anterior e na posterior, que parece conter iniciais ou abreviaturas, pero non pode confirmarse que sexa unha adicatoria a ningunha deusa, nin moito menos a Navia. Non é un altar nin unha inscrición nunha soa cara. Tampouco sabemos a orde de lectura: se por caras (cal delas primeiro?) ou por liñas, arredor da pedra, sendo esta a máis probable. Na liña inferior, lendo primeiro nunha cara e continuando na oposta, parece que se pode ler BAINE. Bainis era un dos nomes que lle deron os antigos ao río Miño.
É posible que o cipo fose un sinal territorial ou marcador de distancias. Recordemos que polo medio da citania pasa unha vía terrestre que une o embarcadoiro de Barbantes coas minas do Puzo do Lago e coas serras do Carballiño, onde está o castro de Mosteiro de Lobás.
Os recintos medio e exterior
O recinto medio da citania de Lámbrica arrodea ao recinto central a xeito de anel, delimitado polas murallas do propio recinto central e por outra muralla máis exterior.

Neste recinto medio é onde se situaban as vivendas da poboación. A súa superficie é moito maior que o anterior e dispón de diversos grupos de cabanas, chamados “barrios” por influenza da arqueoloxía portuguesa.
Trátase de unidades de habitación nas que se atopan as estancias necesarias para o desenvolvemento da vida cotiá dun pequeno grupo humano, seguramente con vínculos familiares: lareira, almacén, pequenos obradoiros ou estancias diversas, dependendo das actividades económicas e do tamaño do grupo que as habitou.
Polo sector suroccidental ou suroeste existe un terceiro recinto pechado por outra muralla máis exterior que poderíamos denominar como recinto exterior. Esta terceira muralla só é visible nunha lonxitude duns 400 metros, aproximándose á muralla do recinto central claramente no sector sur, onde se xuntan as dúas formando unha especie de trampa, cerrándose ao xeito dos foxos de lobo, o que podería constituír un elemento defensivo, como un fondo de saco, para acurralar a grupos atacantes procedentes da porta occidental. A anchura deste recinto exterior ten, aproximadamente, 10 metros, pero chega ós 24 diante da porta occidental ou porta principal.

Cara o suroeste, nesta muralla máis exterior, existe outra porta máis estreita e menos monumental que a principal. Por esta pequena porta sáese, aproximadamente, en dirección cara a actual aldea de Andrade.
As saídas monumentais oriental e occidental da citania de Lámbrica teñen continuidade nunha vía terrestre de comunicación principal que parte da ribeira do río Miño, no lugar da Barca, actual Barbantes-Estación. Esta vía, da que se conservan algúns treitos lousados, sobe polo monte do Santorcado ata Ourantes e, dende alí, chega ata a citania de Lámbrica, entrando nela pola porta oriental.
A saída occidental de Lámbrica diríxese cara o noroeste, iniciando unha máis que posible ruta que levaría ás minas do Puzo do Lago, pasando por Cristimil, Figueiroa e Santa Comba do Treboedo. Unha prolongación desta ruta levaría ás minas de Loureiro e Lobás, entre O Carballiño e O Irixo.

Casas, fontes e materiais
A actual citania de San Cibrao das Las ou Lámbrica -o que sería a derradeira reconstrución, antes de que chegaran os arqueólogos– constitúe un castro con posible planificación tardía sobre un xacemento anterior. O urbanismo é notable, sendo destacables as rúas que comunican os lados maiores do óvalo, onde se sitúan as portas do castro, coas portas do recinto central, percibíndose unha planificación radial do resto das rúas do poboado, no recinto medio. Parten dunha rúa anular que circunda o recinto central pola súa parte máis externa e desembocan noutra rúa periférica, tamén anular, que arrodea ao recinto medio, pola parte interior da muralla máis exterior que o pecha.
A disposición das vivendas é a antítese da disposición hipodámica das cidades romanas e dos seus campamentos militares. Semella que as elites tradicionais de Lámbrica tiveron algunha influenza na reconstrución da citania, pois moitas das obras correspóndense, segundo os arqueólogos, con datacións coincidentes coa romanización, entre os séculos II antes de Cristo e I despois de Cristo. Por iso hai que ter moita precaución cando se fala de “castro romanizado”, pois pode conducir a confundir Lámbrica cunha cidade romana.
A citania de Lámbrica é un castro nun ámbito rural, que mostra, máis o menos, febles signos de aculturación romana, pero sen as características urbanísticas que por esas datas se producen noutras cidades do Imperio. É dicir, que dentro dun contexto cultural romano, seguen a empregarse técnicas construtivas, planificacións e materiais tradicionais.
Aínda hoxe son visibles certas manifestacións de urbanismo, como a disposición radial das rúas ou as canles de evacuación, trazadas para evitar a chegada de augas pluviais e residuais aos lugares de habitación e aos obradoiros, favorecendo a súa circulación monte abaixo.
As construcións -cabanas- do recinto medio agrúpanse nos chamados núcleos de habitación ou barrios, lugares nos que se distribúen as cabanas, nas que se identificaron usos específicos para cada unha delas (fogar, obradoiro, almacén…). Todas as cabanas de cada grupo dan a un lugar común, a modo de patio, polo que se considerou que constituían núcleos habitados por un grupo familiar. Nas épocas de maior poboación, a citania puido albergar entre 1.800 e 2.200 habitantes no interior das súas murallas.

Toda acumulación de poboación necesita auga para a supervivencia. Sabemos da existencia en Lámbrica, cando menos, de dúas fontes. Unha delas, a máis monumental e coñecida, ten planta absidal e escaleiras e está situada dentro da muralla no sector oeste do recinto medio, no “recinto” onde habitaba a poboación de Lámbrica. Presenta unha complicada disposición de muros, posiblemente froito de diversas reconstrucións, e posúe unha saída directa de auga cara o exterior da muralla para evitar inundacións nas invernías.
Tense catalogado como fonte-alxibe, aínda que un observador estival poderá apreciar que se trata dunha auténtica fonte, xa que nunca seca, tal e como corroboran os máis vellos daquelas terras.
O outro acuífero que se coñece está situado no sector sur, pero extramuros, moi cerca da confluencia das dúas murallas occidentais que se xuntan nese lugar (formando o fondo de saco ou foxo do lobo do que se falou máis arriba).
Non está clara a procedencia da súa auga, xa que parece non ter nacente e seca no período estival, por iso é máis propiamente un alxibe que unha fonte. Ten unha disposición irregular, escaleiras moi rudimentarias e bastante profundidade, con case tres metros. Ademais, dende a confluenza das dúas murallas ata o alxibe hai unha altura considerable.
A súa utilización como “fonte” polos habitantes intramuros non parece lóxica, pois nin xiquera se aprecian saídas ou portas. É posible que as súas augas procedan dun manancial, aínda por descubrir, no sector sueste do recinto medio, no interior da citania, onde vivía unha parte da poboación.
Entre os materiais recuperados nas escavacións hai instrumentos da vida cotiá, como as pesas de tear (pondus), fusaiolas (utilizados nos labores téxtiles) e muíños circulares de granito. Tamén é frecuente a aparición de escouras de mineral de ferro, residuos de fundición en obradoiros locais. Pero o máis abundante nas escavacións son os restos de cerámica, con pezas de procedencia tanto local coma foránea, o que indica relacións de intercambio.
Entre as foráneas, destacar a existencia de grandes recipientes para transporte de produtos coma o viño ou o garum (salsa de peixe), pero tamén vaixelas finas de mesa, como as de cerámica sigillata. Outros achádegos que aparecen con asiduidade son pezas de adobío persoal, doas de vidro, alfinetes, fíbulas, prendedores de pelo… Destacar finalmente a aparición dalgunha moeda de época romana. RODRÍGUEZ COLMENERO, en 1977, basándose en CUEVILLAS citaba as seguintes:
– Gran bronce de Augusto
– Denario da familia Iulia
– Gran bronce de Emérita coa lenda borrada
– Denario da República
– Mediano bronce de Cascantum.

As funcións da Cidade
A acumulación de poboación non permitiría o exercizo adecuado de actividades agropecuarias, tampouco a altitude nin o tipo de solo da citania. Sábese que a poboación galega xa consumía dende o Neolítico certos tipo de verduras e cereais, para o que se requiren terras adecuadas e suficientemente húmidas, moi especialmente no caso das verduras.
A abundancia de muíños de man que aparecen nos castros, particularmente en Lámbrica, fai pensar nunha actividade cotiá e normalizada de consumo de cereais e, tendo en conta que este tipo de cultivos non son posibles no alto da citania, é razoable darlle á contorna da Cidade a capacidade de abastecemento de alimentación á citania, alimentos que poderían ser obtidos polos habitantes de Lámbrica como tributos da contorna. Tamén a gandería maior -bóvidos e cabalos- debeu estar establecida fóra da citania.
RODRÍGUEZ GRACIA, nun artigo en PDF publicado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense titulado “Semillas. Castro de Trelle”, fala de que no “desaparecido castro de Laias” documentouse a chegada “á fase de acumulación de excedentes, superando a de autoconsumo” xa na Idade do Ferro. Os excedentes serían xestionados por grupos sociais privilexiados, contribuíndo a aumentar a diferenciación social. Continúa a dicir:
“En Laias aparecen fosas y estructuras complejas de almacenamiento (para Triticum aestivum spelta, Panicum miliaceum y Vicia faba) datadas en el Hierro II (o en la transición a la ocupación romana). Se trata de silos rectangulares de 1-1,5 m, con fondo de madera o corteza y paredes de vegetales trenzados, recubiertos de arcilla. Estas acumulaciones revelan una importante centralización de recursos, con redistribución en el territorio, con una estructura política, dirigida por una élite. Tiene sus paralelos en los poblados fortificados británicos e irlandeses (ej. en el yacimiento de Danebury). El castro fue destruido al realizar el trazado de la autovía A-52 en la década de los 90 del pasado siglo”.
(V. RODRÍGUEZ GRACIA. Outubro 2018)
É dicir, que na Idade do Ferro (séculos VIII a II a. d. C.) detéctanse certos cultivos que non son posibles no alto dos montes, senon só nas terras baixas. E non só nos fala de cultivos, senon tamén da forma de conservalos, en almacéns de madeira trenzada, que ben poderían ser os antecedentes máis lonxanos dos actuais cabaceiros ou hórreos.
Lámbrica, que debeu xurdir, orixinariamente, nese mesmo período, tivo que obter, necesariamente, os alimentos das terras circundantes para a manutención dos habitantes que vivían dentro das murallas, almacenando seguramente os excedentes en construcións ou silos dos que, por desgraza, aínda non sabemos nada (seguramente fabricados con materiais perecedeiros), que ben puideron ubicarse no recinto central, onde estarían controlados polas elites do poboamento.
Dentro da citania de Lámbrica, as actividades que máis restos deixaron son as de transformación en obradoiros (teares, ferrarías, ourivería e cerámica, entre outras).
A súa situación no alto dun outeiro cunha ampla visibilidade fai supor unha función de control sobre o territorio, que conlevaría tamén a función defensiva ou militar, á que poderíamos engadir a función relixiosa, sempre asociada, dalgún xeito, aos poderes militar e político.
Nos arredores existen vestixios de antigos traballos mineiros relacionados co ouro e co estaño, pero o esgotamento obrigaría á procura dos filóns minerais a certa distancia. Toman sentido así os restos mineiros da comarca do Carballiño, moitos deles mantidos no recordo co topónimo Grova. É o caso do Puzo do Lago e das minas nos montes da Madanela. Así, a Cidade de Lámbrica requiría manter a posición de cidade forte, ben situada no outeiro da Chaira e con amplo control territorial, complementado co punto de vixía no pequeno castro do Santrocado, ambos situados xusto por onde pasaba a vía de comunicación terrestre que unía os centros mineiros do Carballiño, Maside e O Irixo coa ribeira do Miño.
O control territorial sobre as actividades agropecuarias e mineiras da contorna, a realización de actividades terciarias de transformación, comercio ou troco, defensa e, seguramente, de dirección relixiosa da poboación dos arredores, serían as causas da acumulación de poboación e de excedentes que fixeron posible o crecemento da citania de Lámbrica. O comercio ou troco utilizaría a vía terrestre principal que entra no castro pola porta occidental, dende o Puzo do Lago e as terras do Carballiño, e sae pola oriental en dirección ao embarcadoiro no río Miño.
Trala conquista romana, estas capacidades de control e explotación dos recursos do territorio, particularmente do ouro, serán aproveitadas polos novos amos (ou mesmo polos antigos, cando se fan amigos dos invasores), trocando os deuses e o idioma dos habitantes destas terras, pero continuando nas actividades cotiás cos mesmos traballos de sempre.
Algo da arte na citania de Lámbrica
No Boletín da Real Academia Galega número 169 (A Coruña, 1 de marzo de 1925, páxina 13) aparece un debuxo, rotulado como “Figura 19” de FLORENTINO LÓPEZ CUEVILLAS. O artigo no que se inserta, tamén de Cuevillas, titúlase “A citania do monte ‘A Cidade’ en San Ciprián das Las (Concrusión)”.

Segundo manifesta o seu autor, o debuxo corresponde a unha pedra de anel, unha cornalina oval de 11 por 7 milímetros, que ten gravada “fondamente a figura d’un cuadrúpedo d’identificación pouco doada no que cicais se poda recoñecer a un cáprido”. A pedra de anel semellante, publicada por L. de Vasconcelos, que cita Cuevillas, é claramente un cáprido e, por tanto, non parece ter moito que ver coa figura do anel de Lámbrica.
Parece claro que é un cuadrúpedo e que camiña por onde hai auga. As súas orellas son longas, aínda que poderían tratarse de cornos, pero o seu fuciño, tamén excesivamente longo, fai pensar nun cánido, aínda que a súa pata posterior semella máis propia dun bóvido. É posible que se trate dun animal fantástico.
O que máis se lle parece é O Urco, tamén chamado Can do Urco, un animal fantástico que se relaciona co outro mundo e que habita nas beiras dos ríos ou do mar. M. ALBERRO no Diccionario Mitológico y Folklórico Céltico (Briga Ed. 2004) dinos que:
“Antiguamente moraba en los bancos del Río Lérez, frecuentando lugares oscuros, cuevas y páramos desiertos (…).
Esta figura sobrenatural del urco existe también en varias regiones célticas. En Escocia es conocido como Cù Sith, o ‘perro de las hadas’, y ha sido visto en las regiones altas de ese país por numerosos campesinos que se encontraron con él por las noches, apareciéndose en forma de un perro gigantesco del tamaño de un novillo (…).
En la arcaica tradición popular y folklore de Bretaña existe también otro ‘ser’ semejante, el Ki Du, un gran perro negro con características de psicopompo que suele acompañar a los difuntos durante su viaje hacia el Otro Mundo”.
O anel de Lámbrica podería tratarse dun selo, utilizado en moitos pobos antigos pra darlle autenticidade a documentos, o que nos estaría a falar dunha vida administrativa esperada nun xacemento do calibre do castro de Lámbrica, do que sospeitamos movementos de intercambio a través da ruta fluvial do Miño cara o Atlántico, relacionados coas explotacións mineiras da contorna e coa máis que probable importación de sal. A posible representación do Urco, do descoñecido, do “outro mundo” tamén nos pode facer pensar nalgún personaxe relacionado coa relixión. Aínda así, hai que subliñar que, dende sempre, as actividades económicas, administrativas e relixiosas soen coincidir en certos grupos sociais, o que chamariamos elite. O anel debeu pertencer a algún membro desa elite. Descoñécese o seu paradoiro.
En Lámbrica son máis abundantes e coñecidos os achados en pedra. Cabe falar primeiro dun fragmento de relevo realizado en granito, posiblemente parte dun friso, que apareceu nunhas escavacións en 1982.
Nun raio de 6 quilómetros coñecemos diferentes relevos castrexos reutilizados en vivendas e capelas: Anllo (San Amaro), O Formigueiro (Amoeiro), Fontefría (Amoeiro) e San Xiao, tamén en Amoeiro. Nun lugar máis alonxado, pero aínda dentro da mesma provincia, podemos atopar motivos idénticos aos do castro de Lámbrica na capela de Fondo de Vila de Xunqueira de Ambía. Outras veces vemos relevos case idénticos en lugares moito máis alonxados do noroeste, como ocorre cun relevo de Briteiros, en Portugal.
En escultura exenta destacan dous antropomorfos aparecidos en 2004. A un deles fáltalle a cabeza, tendo os brazos cruzados e as palmas das mans sobre o ventre. Podería tratarse de deidades femininas relacionadas habitualmente co culto á fertilidade, existindo paralelismos deste tipo de representación noutros castros do Noroeste.
O segundo antropomorfo, aparecido na ladeira oriental de Lámbrica, na parroquia de Ourantes (Punxín), de factura pouco elaborada, ten a boca entreaberta e ollos grandes, carecendo de extremidades inferiores. Coa man esquerda parece tocar o peito dereito, situando a súa man dereita no baixo ventre ou na zona xenital. Descoñecemos se existe intencionalidade, pero o tronco da figura tamén semella ter forma de cabeza humana, con expresión burlona ou de sátiro. Para apoiar esta hipótese podemos destacar a distinta posición de cada unha das mans da “deusa”. A esquerda remata cunha man no peito dereito, pero a man dereita remata na zona xenital, de xeito que simula a boca do “sátiro”.
Esta escultura seica apareceu reutilizada como elemento construtivo, formando parte dun paramento, o que indica que cando se construíu o muro xa perdera a súa función representativa ou relixiosa. O dato ten a súa importancia, pois pode indicar que houbo unha reconstrución dun castro anterior, o que parece corroborar a perfecta planificación de toda a citania e as repetidas datacións que manexan os arqueólogos coincidentes co cambio de Era.
En outubro de 2016 apareceu nas escavacións unha nova cabeza de pedra, un bloque alongado de granito cunha figura de testa nun dos extremos, unha “figura tosca”, segundo rezan os titulares da arqueoloxía oficial na prensa local.
Parece moi lóxico pensar que a súa primixenia colocación fose embutida nunha parede, coa cabeza cara o exterior. Foi levada do xacemento e… non é fácil atopar fotografías.
Tamén sabemos da existencia dunha cabeza labrada, de quince centímetros, nun bloque de granito de 44 por 50 centímetros, da que nos informa CALO LOURIDO, que foi atopada nas escavacións de 1982.
Non podemos esquecernos do fermoso e ben traballado tríscele, ou trisquel, descuberto nas escavacións de X. Lorenzo Fernández en 1948, que formaba parte do sollado dunha construción “angular” do recinto central, na zona máis alta da citania. Outra peza de interese é unha “roseta de 6 pétalos circundados por unha moldura lisa”, atopada por López Cuevillas en 1922.

Na escavación de outubro de 2016 tamén apareceu unha peza de granito que ten labrado un tríscele de follas dobres, que poderiamos definir como hexasquel. Nesa mesma campaña atoparon un curioso tríscele pintado na xamba dunha ventá. Tampouco é fácil, máis ben é imposible, obter imaxes. Tamén sorprende a pouca difusión dada a este achádego, un motivo céltico pintado aparecido nunha construción, que resolveron afirmando que era “una casa romana“. As datacións reiteradas de Lámbrica entre os séculos I a. C. e século II d. C. poderían obedecer a unha recostrución permitida ou forzada pola ocupación romana, tras unha destrución do poboado prerromano.
Entre decembrode 2022 e febreiro de 2023, unha exposición temporal do Museo Arqueolóxico de Ourense -pechado hai décadas- recollía mostras en granito da provincia de Ourense baixo o título de Plástica Castrexa, na Sala de exposicións Afundación Ourense. A maioría das pezas procedían da Cidá de Armea, de Castromao de da Cidá de San Cibrao das Las (Lámbrica).
As fotografías que seguen, feitas na citada exposición, son todas de achádegos en Lámbrica (San Cibrao das Las e Ourantes). As pezas foron levadas pra o Museo Arqueolóxico de Ourense – e alá quedaron- nas distintas campañas de escavación dende a primeira metade do século XX:
Citar, finalmente, os petroglifos inéditos e as posibles pinturas esquemáticas (un antropomorfo que conduce un cérvido) en penedas moi cercanas á citania, aínda que fóra das murallas (a Silla do Rei). Trátase de elementos moi sensibles do patrimonio que xacen á intemperie no máis absoluto dos esquecementos.

Patrimonio inmaterial
Coñecemos nesta citania de Lámbrica, por tradición oral, a presenza de dúas trabes, unha de ouro e outra de alcatrán, que había debaixo do monte. Tamén temos referencias populares á Silla do Rei e á moura, semellantes ás repetidas noutros castros galegos.
Cuevillas e Bouza Brey recolleron e publicaron unha lenda en 1929. O informante era Segundo González de Eiras. Di así:
“N-iste castro hai unha moura que sai en figura de unha cobra levando unha fror na boca. Pra desencantala hai que lle tirar cos beizos a fror que leva na boca”.
Outra lenda, tamén escoitada en Eiras, falando do Castro Martiño, un castro inmediato á aldea de Xinzo:
“Existía unha mina onde había unha serpe tan longa que cheghaba ata a cima da Cidade”.
Pero, para os informantes, a Cidade era o Coto do San Trocado. É moi curiosa, e tamén descritiva, esta aclaración, pois dalle ao castro do Santrocado a mesma categoría que á Cidade de Lámbrica, polo que non é difícil imaxinar que ambos castros formasen parte da mesma entidade política ou administrativa, a civitas que controlaba un amplo territorio mineiro.
A maior altitude do Santrocado permitiría, obviamente, un maior control visual da contorna, moi especialmente polas ladeiras meridionais. Nesta parte atópanse o val do Miño e as zonas mineiras, que non son visibles desde o recinto da citania de Lámbrica.
Ambos castros -Lámbrica e Santrocado- compleméntanse, polo que poderiamos concluír que, en máis tempo do que se pensa, tiveron que ter, obrigatoriamente, ocupación de xeito simultáneo, aínda que coexista a posibilidade de que houbese un establecemento máis antigo no cumio do Santrocado, antes de construírse a citania das Las, á que se desprazaría, en algún momento da Idade do Ferro, unha parte moi importante da poboación daquelas contornas.
O castro do Santrocado mantería, daquela, unha certa función de control e relixiosa, de reunión social periódica, que se transmitirá ao cristianismo e que chegará ata os nosos días coa romaría do San Trocado, cada quince de maio.
© Felisindo Glez. Iglesias. Arredor de Lámbrica. 2020-2021 (actualizado en febreiro de 2023).