Lambrica

citania de Lambrica érguese moi preto da ribeira do río Miño, ao lado do monte do Santorcado, tamén chamado Santrocado.

Administrativamente está situada entre os concellos ourensáns de San Amaro e Punxín, a só 12 quilómetros do Carballiño, a vila do río Arenteiro (acaso do deus Arentio?), que hoxe é a capital comarcal.

Máis coñecida como “Castro de San Cibrao das Las”, a citania ocupa espazos de monte comunal e de algúns privados nas parroquias de San Cibrao das Las e San Xoán de Ourantes. Pola súa posición xeográfica, Lambrica controlaba o camiño entre A Barca (Barbantes-Estación), na ribeira do río Miño, e as antigas zonas mineiras do Puzo do Lago, cerca do Castro Grande de Amarante, e dos montes da Madanela, onde tamén atopamos o castro do Coto de MosteiroA denominación da citania que pervive na tradición oral é O Monte da Cidade.

Castro deriva do latín “castrum” e significa “castelo”, “fortificación”. En plural, “castra” ten o significado de “campamento”. Non debemos confundir os castros galaicos da Idade do Ferro cos castra, campamentos que os romanos establecían nas súas campañas militares, sendo características as catro divisións principais derivadas das dúas vías maiores, cardo e decumanus, o primeiro de norte a sur e o segundo de leste a oeste, tamén empregados na planificación de colonias. Algúns dos castra (plural de castrum) tamén deron orixe a  cidades, sendo o caso máis coñecido o de León.

Unha citania é un poboamento da Idade do Ferro con certa extensión superficial, certo carácter urbano -cando menos, protourbano- e preocupacións militares ou defensivas, establecido normalmente en altura pola maior facilidade de control do territorio.

As citanias xa existían antes de Roma, adquirindo máis relevancia no contexto da defensa da invasión, aínda que nalgunhas chegaron a establecerse pactos ou acordos cos romanos, convivindo e incluso aliándose con eles.

A orixe das citanias podemos rastrexala na Segunda Idade do Ferro, en consoancia coas fortificacións erixidas noutros países europeos, a partir dos séculos V e IV antes de Xesucristo. 

Xa trala dominación romana, os recén chegados van acaparando os recursos económicos das zonas que van ocupando, aínda naquelas onde a chegada se produce de xeito pacífico. As citanias que non se destrúen, e aquelas que se reconstrúen de novo, seguirán utilizándose coa súa disposición tradicional, aínda que obedecendo aos mandados e ás esixencias dos novos amos.

Lámbrica, ou Lambrica, reconstruída posiblemente entre finais da Idade do Ferro e a época romana, mantén a planificación indíxena e constitúe o paradigma do poboamento que poderiamos chamar protourbano, na denominada época castrexa do noroeste peninsular, cunha chamativa planificación das súas defensas e cunha coidada distribución das súas vivendas e obradoiros. Ten forma ovalada, cun recinto central e outro concéntrico ou anular e rúas radiais. Dúas destas rúas, lousadas, comunican as entradas oriental e occidental da citania coas respectivas portas do recinto central.

Lámbrica é, por tamaño e morfoloxicamente, moi diferente a cada un dos pequenos castros, que, a modo de constelación, a arrodean. Estes pequenos “castros” -nome que se conservou na microtoponimia- teñen superficies reducidas (non chegan ás 2 hectáreas), con defensas na maioría dos casos moi febles. Deron orixe a moitas das aldeas que aínda hoxe podemos ver: Ourantes, Castro Martiño, Beariz, Veiga…

É posible que do termo civitas proceda o topónimo popular “A Cidade”, nome co que é coñecida a citania de Lámbrica nos seus arredores. Debe aludir á primacía que debeu ter a poboación lambricense na época romana, entre os séculos II antes de Cristo e II despois de Cristo, entre a poboación da contorna, servindo para artellar o territorio e explotar os seus recursos, aínda que esta primacía xa se pudo vir dando dende épocas anteriores ao século II antes de Xesucristo.

A citania é coñecida na bibliografía como “Castro de San Cibrao de Las”, pero poderiamos concluír que Lámbrica é o seu nome orixinal se consideramos, como fan case todos os autores, que o epíteto de Bandua presente na ara de Eiras se refire a ela. O problema é que as lecturas que se fixeron do epígrafe son extremadamente diverxentes e con enmarañada bibliografía, xurdindo así outros dubidosos nomes que tentaron atribuírse ao castro como *Lanobriga, *Lansbriga, *Lansbrica ou *Alaniobriga, cada un cos seus respectivos defensores adversarios.

Lámbrica, que ben podería ter o significado de Cidade Forte (-brigade Lam ([tʃan], posiblemente chao ou chaira), posúe un topónimo que describe características orográficas e humanas daquela citania. A característica orográfica é a disposición nunha discreta altura, pero máis ou menos chaira; a característica humana é a fortificación, arrodeando de murallas o outeiro coa finalidade de defensa ou de control militar da contorna. O topónimo Lámbrica adquire, entón, pleno sentido: “A Cidade Forte da Chaira” ou “A Cidade Forte dos Chaos”.

A citania érguese nun outeiro de 469 m. de altitude, unha elevación case chaira na súa cima, por iso as súas inmediacións son coñecidas aínda hoxe polas xentes dos arredores como A Chaira. O termo ‘chaira’ pode dar lugar a confusión, imaxinándose moita xente un val. Neste caso non se trata dun val, pois son formacións xeolóxicas graníticas moi antigas, de certa altitude e moi erosionadas, o que lle confire o aspecto de pequenas mesetas. Este tipo de formacións pasaron á toponimia e á microtoponimia como Chaos, habendo exemplos na contorna: monte do Chao entre Eiras e Vilar de Rei, O Chao en Barxelas, e en entidades xeográficas próximas, como a comarca dos Chaos de Amoeiro, de idéntica ou similar factura xeolóxica. 

FERNÁNDEZ ALBALAT opinaba en 1990 que as dúas raíces que constitúen o topónimo presente na ara de Eiras son aparentemente contraditorias no seu significado: LANON, chaira ou lugar plano, e BRIGA, fortaleza, montaña, elevación (FERNÁNDEZ ALBALAT, 1990, páxina 135). Albalat referíase ao termo *lanobriga, daquela, a lectura de moda da ara de Eiras, pero as súas conclusións non perderían sentido se o topónimo fose Lámbrica. 

Se visitamos a citania comprenderemos ben como é posible a existencia dunha fortificación elevada e chaira á vez. 

A súa situación no outeiro que divide a dúas parroquias (San Cibrao das Las e Ourantes, pertencentes, respectivamente, aos concellos de San Amaro e de Punxín) fai que sexa xusto chamarlle citania ou castro de San Cibrao das Las e Ourantes. A demarcación ía pola muralla oeste do recinto central do castro, onde aínda se poden ver as penedas con marcas cruciformes que separaban as parroquias. Hoxe, a delimitación municipal parece que foi levada máis cara o leste. 

A citania actual parece froito dunha planificación e posible reconstrución de finais da Idade do Ferro, en datas moi achegadas á romanización ou, incluso, unha vez producida ésta. Pero é indubidable que no actual solar do castro houbo presenza do home xa desde épocas máis primixenias. A poucos metros da muralla occidental atopáronse restos do Paleolítico Medio e do Paleolítico Superior, que coñecemos polo traballo publicado por ROSA VILLAR QUINTEIRO. Esta autora sostén que a industria lítica de A Chaira está realizada “sobre cuarcitas en forma de nódulos de canto rodado, cuya procedencia más próxima sería el río Miño (…)” e que “presenta un mínimo aspecto de desgaste por rodamiento, pues como mucho la distancia máxima que han podido recorrer es la que media desde la cima, donde se emplaza el castro, a su localización actual y que aproximadamente es de unos 200 m. (…)”. Segundo ROSA VILLAR, “la composición tipológica nos señala una industria dominada por el utillaje sobre lasca en el que los denticulados dominan sobre las raederas pero sobre ambos, aparece el utillaje propio del Paleolítico Superior con una frecuencia mayor, en el que se encuentran raspadores, toscos buriles, claros perforadores, además de piezas con retoque abrupto y escasos cuchillos de dorso, siempre atípicos”. En total, “se han contabilizado 475 efectivos, sin tener en cuenta diversos cantos rodados y fragmentos de estos, algunos de los cuales pudieron haber desempeñado una función de percutor en la cadena operativa, a juzgar por las zonas de alteración que presentan”.

Na parte Sur da actual citania de Lámbrica, a poucas ducias de metros, e tamén fóra das súas murallas, atopamos un pequeno montículo que contivo un pequeno dolmen, cista ou cámara funeraria, construcións cuxa cronoloxía pode abarcar dende finais do Neolítico ata a Idade do Bronce, aínda que pode haber exemplos algo máis tardíos. Esta é unha mámoa de pequeno tamaño, erixida por xentes que andiveron por estes lugares algún milenio antes de que os seus descendentes nas Idades de Ferro deran en construír unha citania, fortificándose naquel mesmo monte. Non é a única nesa contorna. Cara o suroeste da citania hai outra mámoa catalogada a rentes da estrada.

Os restos do Paleolítico e do Neolítico nos arredores son bastante frecuentes, aínda que pouco valorados e acotío esquecidos. No ámbito comarcal están documentados achados nos Chaos de Amoeiro, nas terrazas do río Arenteiro en Seoane (O Carballiño) e en Toén, todas na provincia de Ourense. Máis próximos á citania, apareceron ferramentas líticas de cuarcita en Vilar de Rei (Cenlle).

Pola súa parte, CHAMOSO LAMAS dinos que en 1946, en Eiras, “entre los restos profanados de una ‘mámoa’, recogimos dos hachas de cuarcita pulimentada que se conservan en el Museo Arqueológico de Orense” (Noticiario Arqueológico Hispánico III-IV).

© Felisindo Glez. Iglesias. Arredor de Lámbrica. 2020-2021.